Sombreiro Sancosmeiro

A zona de elaboración da artesanía do sombreiro sancosmeiro abrangue os Concellos de Outes e Mazaricos -concretamente no norte do Concello de Outes e o sur do Concello de Mazaricos-. A elaboración do sombreiro pasa por distintas fases dende o sementado do centeo ata a recollida, alá polo verán. Logo de recollidas as pallas, faise a primeira selección, sacándolles aquelas que recobren a palla principal, a cal se pon estirada ao sol para que seque ben e torne o máis branca posible. Despois escóllense, separándoas en monllos, segundo o grosor. O seguinte paso é poñelas a remollo con auga, para que sexa máis doado traballalas. O cordón que se vai tecendo pódese facer con 3, 4, 5 ou 6 pallas -o máis frecuente é o de catro-. Unha vez rematado, vaise igualando, cortándolle as puntas que sobresaen da trenza, e deberá ser mazado para que quede o máis plano posible e avulte menos. Para o cosido do sombreiro emprégase fío de cábano untado con cera virxe de abella. O cosido do cordón farase moi tupido, deste xeito o sombreiro ofrecerá a mellor protección, tanto do sol como da auga da choiva. Características estas que van dotar o sombreiro de grande resistencia e impermeabilidade, o que o fará moi valorado e apreciado para os labores do agro, e incluso do mar. Tamén se ten empregado como sombreiro de rúa, neste caso a cinta negra que decora, é substituída por outra de cores vivas. Na actualidade xorde unha revitalización desta peza de artesanía, xa que moitos
dos grupos folclóricos o empregan nos seus bailes. Na actualidade unhas catro artesás da parroquia de Santo Ourente seguen a elaborar esta artesanía.