Ríos

O río Tambre

É o máis importante. Divide o noso concello do de Noia, desemboca no lugar de Pontenafonso despois de percorrer aproximadamente 84 km, dende as terras de Sobrado, Arzúa, Ordes, Santiago e Negreira. A súa desembocadura forma parte da Rede Natura 2000 –concibida como unha ferramenta útil a escala europea para a conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres- Esteiro do Tambre, que inclúe o último tramo deste río, a súa desembocadura, a do río Tins e o fondo da ría de Muros e Noia. 

Vistas da desembocadura do río Tambre e da ría que se poden contemplar dende o miradoiro do Castelo (Cando)

A personalidade deste espazo está creada polo encontro entre mar e río, que reflicte unha extensa zona intermareal con grandes extensións de vexetación palúdica. Alberga densos bosques atlánticos, xunto con bosques de ribeira con amieiros, salgueiros, freixos, bidueiros, abeleiras, sabugueiros, carballos. Areais intermareais cheos de riqueza e extensos carrizais, colonizados por plantas acuáticas e xunqueiras, nun contorno de grande beleza. Hábitat de extensa e variada flora e fauna típica das marismas. Nesta zona concéntranse numerosas aves acuáticas, especialmente nos pasos invernais. As aves sedentarias máis comúns son a pita de auga, o somorgullo pequeno e o alavanco  real, outras especies coas que nos podemos atopar: patos, garzas, garcetas, etc.. xunto con peixes, reptís, anfibios, mamíferos, insectos e numerosos seres microscópicos, que dotan o espazo dun hábitat excelente e de grande riqueza, para multitude de invertebrados e para a cría de peixes e moluscos.   

Cormorán e garza real

Nesta última parte do río Tambre atopamos restos dos antigos rodeiros ou pesqueiras onde se detiña a corrente e se aproveitaba para pescar lampreas, reos e salmóns.

O río Tins

De aproximadamente 12 km de longo, nace en Mazaricos, atravesa San Lourenzo e Outes, e no seu remate forma a enseada de Langaño. Na súa desembocadura, o Tins forma un esteiro de grande beleza, ao mesmo tempo que é un hábitat excelente e de grande interese paisaxístico, botánico e fáunico. 

Desembocadura do río Tins