Literatura e Pintura

Arximiro Suárez

D. Arximiro Suárez Ferreiro naceu en Outes no ano 1905, pero a súa profesión de mestre fíxoo vivir durante moitos anos en Noia, onde morreu no ano 1960 e onde gañou unha merecida sona de pintor que espallou a través de numerosas exposicións por toda Galicia (Muros, Rianxo, Santiago, Pontevedra, A Coruña , Vigo), Asturias e Madrid.

Obtivo o primeiro premio no concurso nacional de Debuxo celebrado en Madrid entre educadores artistas.

Especializado no debuxo arquitectónico, recolle nos seus cadros toda a arte dos monumentos composteláns, así como os máis fermosos recunchos da nosa comarca. Os seus debuxos a pruma, eido no que conseguiu os seus máis grandes logros, teñen unha forte personalidade e evidencian un maxistral dominio da técnica, que levou tamén con éxito pola súa notable beleza, á acuarela, ao óleo e ao gravado, sempre de grata contemplación.

SERENIDADE

A súa producción transmite unha sensación de serenidade, de acougo, de paz, difícil de atopar, especialmente na época da posguerra. É como se vísemos a pintura de interiores holandesa do século XVII, caracterizada polo silencio e quietude dos seus personaxes en medio de coidadas e enfáticas xeometrías compositivas, levada agora aos exteriores galegos. Deste xeito, son agora as casas, as igrexas, os pazos, as rúas, os soportais, as prazas, os protagonistas atemporais que se atopan, como se fosen humanos, sumidos nun estado contemplativo, absorto, concentrado en si mesmo, distanciados do espectador.

APARIENCIA

Pero distanciamento só aparente, porque o artista, subrepticiamente, co seu meticuloso trazo, a pincelada detallista, reproducindo con toda precisión cada sillar da fachada, cada lousa da rúa, cada hedra das paredes, pero tamén froitas, verduras e animais na feira, está obrigándonos a entrar no cadro, a percorrelo dunha esquina a outra, a achegarnos a portas e ventás, aos recunchos das prazas, recodos dos camiños... a facernos participar da pintura, do seu proceso creativo e non só do resultado final. Son edificios e monumentos urbanos e rurais, paisaxes boscosas, esceas mariñeiras, nas que, de cando en vez, aparecen personaxes populares, bañados por unha luz cristalina que destaca a pureza dos volumes e consegue transformar o transitorio en eterno.

LUMINOSIDADE

Luminosidade coa que xoga en gravados e plumillas para conseguir maxistrais contrastes de luces e sombras, pero, sobre todo, no óleo, un colorismo rutilante que herda da xeneración de Os Novos e que, xunto con Eduardo Mariño, Paco Creo, Lugrís e algúns outros, van transmitir aos xoves pintores que eclosionarán nos anos 60 e 70, contribuíndo a encher, desta maneira, ao inmenso valeiro cultural e artístico que seguiu ó asesinato de Camilo Díaz, no 36, a persecución de Seoane polos falanxistas, o encarceramento de Maside, Fernández Mazas e Granell, ao exilio de Castelao, Maruxa Mallo, Colmeiro e tantos máis. Mágoa que unha morte prematura truncara unha evolución que se fai evidente nos últimos cadros cara a unha estética renovadora, achegándose a postulados poscubistas que Frau e Xulia Minguillón van facer triunfar na pintura galega.