Literatura e Pintura

Poeta Añón

O poeta Añón, é o personaxe máis ilustre, no eido da literatura, do Concello de Outes. Nace no lugar de Boel, o 9 de outubro de 1812 e morre no 1878. Estuda en Santiago de Compostela Filosofía e Teoloxía, máis tarde tamén acadou a carreira de Xurisprudencia. É nesta época de estudante, cando comeza xa a ter sona como versificador. En Compostela, comeza a ter contacto con escritores románticos e cos revolucionarios que no ano 1846 preparaban un levantamento contra o despotismo de Narváez, que logo fracasou trala derrota militar do Comandante Solís e o seu fusilamento xunto con outros dirixentes máis en Carral o 26 de abril de 1846. Incluso chegou a militar no federalismo republicano. Circunstancias que lle obrigaron a levar unha vida complicada e nada fácil.

A poesía de Añón presenta nas máis das veces un humor e enxeño, mesturado coa típica retranca. Outras veces achéganos unhas fermosas descricións costumistas con elexías de ton leal e declamacións reaccionarias. Tivo sona de poeta romántico, aventureiro e bohemio, demostrando nas súas composicións un amplo dominio lingüístico e unha fonda cultura. Converteuse así nun dos primeiros escritores galegos do século XIX.

Morre enfermo e pobre en Madrid, lonxe da súa terra. A maior parte da súa obra está dispersa en xornais ou inédita. O seu himno “A Galicia”  foi o detonante que propiciou en 1861 o Rexurdimento.

Biografía en datas

1812

Nace o 9 de outubro na aldea de Boel.

1829

Comeza con 17 anos a estudar no Seminario Conciliar de Santiago.

1837

Despois de estudar 5 anos de Teoloxía, empeza os estudos de Xurisprudencia.

1840

Primeira poesía de Añón datada cronoloxicamente, “El Médico Enamorado”

1843

Añón consegue a Licenciatura en Xurisprudencia.

1845

“Recordos de infancia. Égloga”. É das primeiras poesías escritas en galego no Rexurdimento.

1846

Francisco Añón marcha por primeira vez a Portugal.

1850/53

Viaxa a Francia e Italia como secretario do inglés Lord Shawford ou Shawfordt.

1853/57

Regresa a España. Establécese en Sevilla. Ensina idiomas e escribe na prensa da época. “A una gallega renegada” é un dos poemas desta etapa.

1857

Añón atópase en Madrid. Escribe os poemas en castelán “A Lisboa” e “El borracho y el eco”. Dá clases de francés.

1861

Celebración, na Coruña, dos Primeiros Xogos Florais de Galiza. O seu poema “A Galicia”, escrito en galego, foi premiado cun accésit. Instalado en Madrid dedícase entre outras cousas ao periodismo político.

1862

A raíz deste certame publícase o Album de la caridad, onde se recollen algúns dos seus poemas.

1866/67

Volve Añón a Portugal, onde escribe dous poemas en castelán: “Mi querido Eduardo” e “En la inauguración de la estatua Á Camóens”.

1868

Retorna a España: Madrid e logo Galicia, onde reside algún tempo. O 4 de maio escribe en Santiago “A Mariña Barros á la edad de 8 años”. O 7 de agosto na Ponte Nafonso comeza a escribir “¡Boél!”, anaco de poema que manda nunha carta ao seu sobriño Diego Campos. En outubro publica en La Revolución, Periódico Liberal de Santiago o poema en castelán “La revolución, himno patriótico, dedicado al pueblo, al ejército y a la armada”.

1869

Volve definitivamente a Madrid. Constitúese a sociedade “La Fraternidad Galaico-Asturiana”, da que forma parte como vocal. Consegue un modesto traballo no “Ministerio de Gracia y Justicia”.

1872

Añón é nomeado “Auxiliar de Archivo”.

1873

Ascende ao cargo de “Oficial 3º del Archivo de este M.º Oficial de Negociado de 4.ª Clase en Admón.”. É cesado en xuño deste mesmo ano.

1875

Fúndase a sociedade “La Galicia Literaria”, da que Añón é presidente.

1877

Francisco Añón aparece como autor da tradución (incompleta) da novela rusa "Los dos amigos" de M. J. Tourguenef nun periódico de Madrid. Escribe as composicións: “Al papa” e “A Galicia”.

1878

Escribe “A miña enfermedá”, tal vez a súa derradeira composición. Morre o 20 de abril en Madrid.