A obra do escultor Ferreiro

O escultor noiés Xosé Ferreiro é un dos máis grandes artistas galegos e introdutor do  estilo neoclásico en Galicia. No Concello de Outes deixou parte do seu legado escultórico que o podemos ver en todo o seu esplendor na igrexa de Santo Ourente: retablo maior (hoxe substituído) e como únicas pezas que se conservan, a imaxe de Santo Ourente e a urna na parte posterior do altar cos restos do San Campio. O retablo de San Francisco Xabier, de liñas puramente neoclásicas; o retablo da Virxe do Rosario. O retábulo da Dolorosa e unha imaxe pequena do San Roque.

Tamén da súa autoría son os dous cruceiros do adro que están a ambos os dous lados da fachada da igrexa de Santo Ourente, e cuxa característica principal é que carecen de decoración de ámbito relixioso. Como novidade presentan senllos escudos, con xelmos emplumados na base, estraños á tipoloxía destes elementos nos cruceiros das encrucilladas, pero habituais estes adornos nas construcións civís neoclásicas. 

Outro cruceiro da autoría do mestre Ferreiro é o que está no camposanto que se atopa detrás da igrexa e que data do 1801. Ten plataforma de cinco chanzos, o seu elemento máis interesante é o cristo, que presenta todos os trazos definitorios dos que Ferreiro fixo gala. No reverso vai a Dolorosa sedenta. 

Outro máis atribuído ao escultor que estivo traballando entre 1796 e 1801 en Santo Ourente, é o que está no contorno da capela da Virxe do Rial. Álzase sobre plataforma de dous chanzos. Na parte baixa, leva un escudo dividido en catro partes con decoración variada de zurróns e touros. Vai rodeado de volutas e cuberto por un helmo emplumado. O capitel está separado do varal por dúas molduras octogonais superpostas e ten tres partes diferenciadas. Os remates dos brazos levan decoración de floróns.