Igrexas

O concello de Outes conta con 10 igrexas parroquiais, todas elas construídas entre os ss. XVII e XVIII, e 9 capelas, entre as que destacamos:

Igrexa de San Xoán de Sabardes,

Foi levantada no 1102 e outorgada aos monxes beneditinos para o seu coidado. No s XVII foi substituída pola actual, de estilo barroco. Na súa fachada podemos observar liñas puras e sobrias que se rompen co emblema de S. Martiño Pinario sobre a porta. A torre coa que conta a igrexa, presenta maior riqueza ornamental.

Igrexa de San Tirso de Cando,

Construída a mediados do s. XVIII entre 1741 e 1744. Anos máis tarde, completouse o conxunto cunha artística balaustrada que pecha a pequena capela do Carme, un magnífico cruceiro e unha alta torre separada do corpo do edificio. A igrexa ten forma de cruz e os brazos menores atópanse na metade do corpo. Esta peculiar construción dá lugar a espazos rectangulares no seu interior. 

Igrexa de San Xoán de Roo

Foi levantada no s. XVIII, entre 1751 e 1756, polo mestre Domingo de Fontenla, seguindo o plan trazado por F. Manuel de la Peña. Trátase da máis grandiosa e harmoniosa igrexa barroca de toda a comarca, xa que non hai ningunha outra desta época ou anterior, que posúa dúas torres.

Igrexa de Santo Ourente

Foi construída s.XVIII. Destaca pola súa elegancia e monumentalidade. Na súa fachada sobresae unha elegante torre en tres corpos coroados por unha cruz; un sinxelo pórtico de arco de medio punto con pilastras nos ángulos. A súa construción foi promovida polo cardeal Celada, que co obxecto de darlle máis importancia, fixo traer os restos do mártir San Campio. Conta cun ancho adro de pedra, no que podemos contemplar dous cruceiros enmarcados a ambos os dous lados da entrada, e atribuidas ao escultor Ferreiro. A romaría deste Santo, ten lugar os días 28 e 29 de setembro.