Festas

Festas

Imos reseñar a continuación as festas e celebracións máis salientables do noso Concello.

Os patróns das respectivas parroquias son:

Parroquia Onomástica Data
Tarás San Xián 9 de Xaneiro
Cando San Tirso 28 de Xaneiro
Roo San Xoán 24 de Xuño
Outes San Pedro 29 de Xuño
Matasueiro San Lourenzo 10 de Agosto
Entins Santa María 15 de Agosto
Santo Ourente de Entíns Santo Ourente 26 de Agosto
San Cosme de Outeiro San Cosme 27 de Setembro
Valadares San Miguel 29 de Setembro
O Freixo de Sabardes San Xoán Evanxelista 27 de Decembro

Outras festas e romarías de Outes son:

*Santiago Apóstolo: Patrón do concello, que se celebra o 25 de xullo.

*San Cristovo: Celébrase o domingo máis próximo ao día do Apóstolo. É unha das nosas festas máis tradicionais; e inclúe desfile de coches decorados e remata cunha degustación de sardiñas con broa.

*San Campio: A romaría do San Campio é unha das máis famosas, non só de Outes, senón tamén dos concellos limítrofes. Celébrase o 29 de setembro, na igrexa parroquial de Santo Ourente, na que se gardan as reliquias do santo. É San Campio o santo das enfermidades nerviosas ou mentais, persoas das que se lles di que teñen o “mal cativo” ou o demo metido no corpo. Debido tamén á súa condición de militar, os mozos encomendábanse a el, cando tiñan que incorporarse ao servizo militar ou marchaban para a guerra.

Festexamos tamén:

*Pampallín: Celébrase o 30 de Abril e trátase dunha festa tradicional da nosa zona, recentemente recuperada para a mocidade outiense.

*Amañecer Musical en Broña: Festival que se realiza en verán na praia de Broña, o primeiro sábado do mes de agosto.

*Festa da vitalla: celebración gastronómica arredor da primeira quincena de setembro, na que cociñeiros da Cámara Portuguesa de Boticas –Concello co que estamos en irmandade-, preparan ao aire libre carne de becerro asado para ofrecer aos asistentes á festa.

*A Feira da Serra: antigamente a feira da Serra como tantas de outras vilas galegas tiña unha importancia vital para as transaccións que se facían na nosa contorna, cun grande dinamismo económico e social. Hoxe en día, os avances das comunicacións, a ampliación da rede viaria e as novas maneiras de transacción de produtos fixeron que as feiras tradicionais evolucionen cara aos chamados “mercadillos”. En Outes, a feira e feirón desapareceron; actualmente existe un mercadiño o 1º e 2º sábado de cada mes no Cunchido e rúa da Vila, respectivamente.

Antiga feira da Serra