Cruceiros

No termo municipal de Outes hai estudados máis de 60 cruceiros dos que podemos destacar pola súa fermosura, calidade e interese: 

Cruceiro da Barreira

Datado nos s. XVI-XVIII. Aséntase sobre unha plataforma de tres chanzos de base cadrada. O pedestal está formado por dous corpos. Na parte superior do pedestal leva en relevo unha cóbrega, un triángulo con remate en dúas cabezas, un réptil de catro patas e outra forma triangular con dous óvalos na parte superior. O varal mide 3,20 m. de alto, comeza sendo cadrada e tórnase octogonal aos 75 cm. de alto. Esta parte inferior presenta un rebaixe rectangular en cada cara con novos releves. Unhas tenaces e uns cravos no reverso, un látego á esquerda, un martelo no anverso e un corazón con tres cravos á dereita. O capitel vai decorado con grosas volutas nas esquinas, a figura dun bispo e unha figura que podería ser un peregrino. Polo anverso un frade e á esquerda unha Santa. Na cruz podemos ver un Cristo a quen abraza un frade. Por detrás unha virxe entronizada cun cetro na man dereita e o Neno no regazo; na parte superior, dous anxos voando, pousan unha coroa na cabeza de María.

Cristo dos Pombeiros: datado no ano 1818 s. XIX. A plataforma de tres chanzos, levántase sobre un montículo de terra nun cruce de estradas que van a Roo, Cambeiro, Cures e Mirás. O capitel leva unha moldura dobre e vai decorado con follas de acanto curvas e volutas enriba saíndo dun baquetón central; a parte superior é unha táboa de forma estrelada, lados curvos e puntas romas. A cruz de base cadrada, leva un cristo e no reverso a Dolorosa.  

Cristo dos Pombeiros

Datado no ano 1818 s. XIX. A plataforma de tres chanzos, levántase sobre un montículo de terra nun cruce de estradas que van a Roo, Cambeiro, Cures e Mirás. O capitel leva unha moldura dobre e vai decorado con follas de acanto curvas e volutas enriba saíndo dun baquetón central; a parte superior é unha táboa de forma estrelada, lados curvos e puntas romas. A cruz de base cadrada, leva un cristo e no reverso a Dolorosa.

 

Cruceiros de capela

Cruceiros de capela ou loreto, chamados así xa que o fuste remata nunha pequena capeliña aberta ao fronte e no seu interior aparece a imaxe da Virxe. Sobre o teito da fornela érguese a cruz característica dos cruceiros. Esta tipoloxía de cruces de pedra é propia da Península do Barbanza, nas beiras das rías de Arousa e Noia. Dous exemplos desta categoría no noso Concello, son:

 

Cruceiro da Angustia

Cruceiro da Angustia, en Viro, na estrada que une Brión e o Cruceiro de Roo, fronte ao camiño que leva a Outón. Plataforma de seis chanzos polo anverso e tres polas demais caras. Enriba do capitel vai un loreto de forma cadrada, dentro leva unha virxe que conserva restos de pintura. Sobre a fornela, tres corpos de pranta cadrada. A cruz enriba é de brazos cilíndricos cun Cristo de feitura ruda, pola parte de atrás vai a Dolorosa apoiada nun sinxelo pedestal.

Cruceiro da Concepción

Cruceiro da Concepción, situado nun pequeno parque no Porto da ribeira do Freixo ao lado do centro náutico. Este cruceiro foi desprazado do seu enclave orixinario cando se ampliou a rúa. Plataforma e pedestal cadrado, o varal de base tamén cadrada vira octogonal, volvendo a ser cadrado a pouco que se aproxima ao capitel. A fornela remata cunha bóveda de canón e no seu interior a figura da Inmaculada. Na parte superior ten unha cruz sobre base cadrada.